Thursday 28 de March de 2024

O Goberno galego dá luz verde a contratación da concesión de tres complexos deportivos titularidade da Xunta na cidade da Coruña: Elviña I, Sardiñeira e Agra I


 Feijóo avanza que o contrato de xestión será por un valor de 95 millóns de euros nos próximos 25 anos

 “Son tres establecementos deportivos claves na cidade da Coruña que, tan só en abanados, xa teñen 15.000”, di

O Goberno galego deu luz verde hoxe á contratación da concesión de tres complexos deportivos titularidade da Xunta localizados na cidade da Coruña. Trátase das instalacións deportivas de Elviña I, Sariñeira e Agra I.

Durante a rolda de prensa tras o Consello da Xunta, o presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o contrato de xestión será por un valor de 95 millóns de euros nos próximos 25 anos.

Neste sentido, Feijóo explicou que a empresa concesionaria terá que acometer uns investimentos obrigatorios por valor mínimo de 3,4 M€ durante os primeiros tres anos de vixencia de contrato, do mesmo xeito que abonar á Fundación Deporte Galego un canon anual correspondente ao 4% dos ingresos, o que supón en torno a 130.000 € anuais.

No que se refire aos prazos, o presidente explicou que o expediente de contratación se publicará mañá na Plataforma de Contratación da Xunta e remitido ao Diario Oficial da UE, as empresas interesadas terán 35 días hábiles para ser titulares desta concesión.

“Son tres establecementos deportivos claves na cidade da Coruña que, tan só en abanados, xa teñen 15.000. Estou convencido que se se fan os investimentos que esixe o prego e se poñen ao día estas instalacións deportivas, incrementarase o número de abonados, a facturación dos complexos e, sobre todo, practicarase un deporte con maior calidade na cidade coruñesa”, sentenciou.